Foto de familia no día dos medios en galego 2019

Nas últimas décadas os estudos cientícos constatan o importante descenso no seu uso, en parte, porque non hai medios, nin ferramentas que estimulen, apropiadamente a súa normalización.

Dende AMEGA queremos contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira ese rango social de normalidade.

O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia.

Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos.

As campañas de promoción do galego impulsadas polos medios en galego suscitaron un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións. Por iso, parte dos medios que participamos nesas iniciativas, decidimos agora constituirnos en asociación para favorecer a nosa visibilización.

OBXECTIVOS, AS NOSAS METAS

O IDIOMA
Garantir a pervivencia da nosa lingua así como a dignicación do xornalismo en galego.

PRESENZA
Contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios en galego fomentanto a súa presenza pública de xeito individual ou conxunto.

CAMPAÑAS
Desenvolver accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego.

CONSOLIDAR
Consolidar un espazo de comunicación en galego que responda ás necesidades actuais e de futuro.

IGUALDADE
Promover iniciativas lexislativas e administrativas de igualdade no sector como a creación dunha Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios.

PROFESIONALIZACIÓN
Contribuir á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica, sostén imprescindíbel da liberdade de prensa.

Os principais obxectivos da nova Asociación de Medios en Galego serán defender os intereses dos seus asociados favorecendo así o afortalamento dos medios de comunicación en galego. Tamén contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia e á consolidación dun espazo de comunicación en galego fomentando a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación neste idioma.

Esta asociación tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económicarepresentará o sector diante das distintas administracións en todo aquelo que afecte aos medios de comunicación en galego.

Tamén debaterá colectivamente os temas de interese para o sector e asesorará ás entidades produtoras de medios integradas para facer fronte aos problemas profesionais comúns, promoverá iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información entre os membros da Asociación e promoverá proxectos comúns e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.

Serán socios desta asociación as persoas físicas ou xurídicas cuia actividade principal sexa a produción e tratamento de información calquera que sexa o seu soporte e que, entre outros requisitos, utilicen o galego, teñan unha periodicidade non superior a un mes, teñan unha vida mínima anterior á constitución de seis meses e que máis do 70% da súa extensión ou tempo de emisión estea adicada a contidos non publicitarios. Non poderán formar parte da asociación os organos de expresión de administracións públicas ou entidades dependentes, partidos políticos, organizacións sindicais, patronais e colexios profesionais, así como calquera outra de análoga natureza, nin as asociación ou entidades que se atopen incursas en procesos concursais ou de disolución, ou que manteñan débedas con traballadores ou ex traballadores.

Os medios interesados en formar parte desta asociación poden informarse enviando un mail a: contacto@mediosengalego.gal