Día dos Medios en Galego


Cada 7 de febreiro, Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Faino co gallo da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876.

Un “Día” ratificado por unha declaración conxunta de todos os partidos con representación no Parlamento Galego o propio 7 de febreiro de 2018.
Un Día que serve á entidade de fío condutor para realizar as campañas de sensibilización e concienciación da necesidade de manter medios que manteñen viva e útil o noso idioma.

Para celebrar a data vimos realizando unha serie de eventos:

En 2018 celebrouse en Barallobre (Fene), na que interviron 25 persoas relacionadas coa nosa cultura e cos mediosa.

En 2019 a Gala tivo lugar en Pontevedra, e contou coa presencia de Touriñán e Ugia Pedreira. Un evento que nos servíu para “sacar peito” e fachendear de coidar a nosa lingua, de ennobrecela a través de usala, de darlle máxima utilidade.

En 2020 o acto cultural celebrouse no Casino1889 de Carballo, coa dirección de Avelino González e a regueifeira Lupe Blanco, e a actuación da banda Terbutalina.

Este 2021 toca facelo vía streaming, cun formato #LateNight que tivo que ser adiado polas restricións sanitarias e que emitiremos o 20 de marzo polas canles de Youtube e Facebook da AMEGA, as radios municipais e Nós Televisión.

Se ben a AMEGA formámola arredor de 60 medios (radios, edicións impresas, xornais dixitais…) vimos de contrastar que hai activos máis de 140 medios (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contanto o que pasa no noso país.