Guía Didáctica

Dentro das actividades para celebrar o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día 7 de febreiro coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876. 

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de lanzar a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua. A publicación, realizada coa colaboración da Deputación da Coruña.

A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, David Miguel Rodríguez Martínez e Brais Ferreiro Ares, e enmarcada dentro do décimoprimeiro aniversario de AMEGA, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego. A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación. Ademais, conta cunha sección de apuntamentos que asa polos primeiros xornais en galego, o impacto das Irmandades da Fala, a represión da ditadura franquista e a resistencia na diáspora, e por último a recuperación dos medios na democracia ata chegar ao panorama actual. Por último, a guía recolle unha listaxe cunha compilación de cabeceiras en galego, tanto históricas como actuais con información sobre a súa traxectoria, contexto de creación e características. Ademais, unha ligazón ao propio medio dixitalizado ou portal actual.

O material será traballado en centros de diferentes localidades, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), permitindo que o alumnado coñeza desde a historia dos primeiros xornais en galego ata a situación actual da prensa, radio, televisión e medios dixitais.

Toda a información sobre a guía didáctica pode consultarse en www.mediosengalego.gal/guiadidactica e na web da Deputación da Coruña.

DESCARGAR GUÍA DIDÁCTICA DA HISTORIA DOS MEDIOS EN GALEGO