Xeral

Os medios en galego impulsan unha Lei de Publicidade Institucional “transparente”

“Transparencia no reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación”. É unha das principais e case históricas reivindicacións dos medios de comunicación en galego que, agrupados dende hai anos na Asociación de Medios en Galego (AMEGA), veñen de formular unha proposta completa de Lei de Publicidade Institucional que este mércores foi rexistrada no Parlametno.

A través dos grupos de AGE e do BNG a entidade asociativa achega ao lexislativo unha proposta que, como a propia asociación, pretende “cultivar, difundir e socializar o idioma galego” e facelo “resaltando os valores positivos da utilización da nosa lingua”. Estes principios foron os que AMEGA lle presentou a todos os grupos parlamentarios, dos cales agarda que “voten a favor da toma en consideración do texto” tendo en conta ademais que o propio PP levou no seu programa a aprobación dunha Lei de Publicidade Institucional.

“A cidadanía -afirma a asociación- comprende o valor do pluralismo nos medios de comunicación para unha maior calidade da democracia e nós proclamámonos medios defensores dos servizos públicos” tanto no ámbito da comunicación como da “sanidade, educación e prestacións socaiis como elementos de cohesión e avance da sociedade”. Neste ámbito é no que se enmarca a petición de que “a publicidade institucional” e, en xeral, as achegas da Xunta aos medios “se repartan en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións”, tal e como veñen reclamando, lembra, o Colexio Profesional de Xornalistas ou o Sindicato de Xornalistas.

Ata o momento todos os Gobernos da Xunta viñeron realizando as súas achegas económicas fundamentalmente a través de asignacións directas ás empresas editoras dos medios e, segundo datos do Consello de Contas, apenas un 10% dos fondos se distribúen en convocatorias públicas e competitivas ás que, por outra banda, non todos os medios poden concorrer por mor das condicións impostas. O 90% restante distribúese de xeito discrecional e, en numerosas ocasións, a través de convenios bilaterais que implican a inserción nos medios de novas elaboradas polo Goberno como se fosen noticias.

A Asociación de Medios en Galego está formada na actualidade por A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3, Praza Pública, Que pasa na costa, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa, Valmiñor.info e as máis de vinte e cinco emisoras de radio locais integrada na rede de Emisoras Municipais Galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *