Día dos Medios en Galegolingua

Música, roteiros xornalísticos e unha guía didáctica para celebrar o Día dos Medios en Galego 2024

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día 7 de febreiro coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876. 

Nesta nova edición, AMEGA presenta un programa composto por varias actividades e celebracións relacionadas coa nosa lingua. En primeiro lugar a asociación organizou ao longo do mes de febreiro un conxunto de roteiros xornalísticos por varias vilas do país. Neles visitaranse lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados  por expertos na temática e amenizado por bandas musicais. As localizacións confirmadas son A Estrada (3 de febreiro), Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal (17 de febreiro), e A Coruña (24 de febreiro).

Ademais, presentarase unha guía didáctica para que o profesorado galego poida incluír contidos relacionados co pasado e o presente dos medios en galego, que leva por título “Coñecendo os medios en galego”. Co que se quere conmemorar o 175º aniversario de Valentín Lamas Carvajal. 

Por último, AMEGA repite na organización dun evento musical para reivindicar o uso da lingua. Nesta ocasión as protagonistas serán Fillas de Cassandra e De Ninghures, e os concertos celebraranse o vindeiro xoves 22 de febreiro na Sala Inn Club da Coruña a partir das 21h.

Pablo García indicou que “O Día dos Medios en Galego é un día de reivindicación pero tamén de celebración. E que AMEGA, segue tendendo pontes cunha serie de actividades que queren dignificar a labor dos medios en galego e achegalos aos máis novos”.

Valentín García póla súa banda, resaltou o acerto de AMEGA coa planificación destas actividades e “a impotancia de chegar á xente nova, que é algo importantísimo e onde a língua galega ten que buscar ese espazo de expansión, ese espazo de afianzamento, sobre todo en espazos urbanos como pode ser a cidade da Coruña”.

Un comentario en «Música, roteiros xornalísticos e unha guía didáctica para celebrar o Día dos Medios en Galego 2024»

  • Bo día, son Begoña Campaña, profesora de lingua galega no Seminario Menor da Asunción, en Santiago de Compostela. Estamos neste momento desenvolvendo un proxecto interdisciplinar sobre a comunicación e gustaríame contar coa guía didáctica que se cita na noticia. Como podo conseguila?
    Agradezo a información e parabéns polo traballo.
    Un saúdo

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *