Xeral

A Xunta “pasa” do galego

365 días en galego e sen a Xunta
A Xunta de Galicia marxinou á práctica totalidade dos medios de comunicación en galego da publicidade institucional do 17 de maio, Dia das Letras Galegas. A Secretaría Xeral de Medios de Comunicación inseriu anuncios da “festa das nosas letras” en xornais, radios e sitios web que empregan o castelán os 365 dias do ano en porcentaxe superior ao 90%, pero desbotou colocalos nos medios que utilizan o idioma galego.

Algúns dos medios que empregan a lingua propia de Galicia, dirixíronse en concreto ao departamento do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo encargado do asunto, onde lle indicaron que o plan de marketing do Dia das Letras fora encargado a unha axencia de publicidade, prorrogando un contrato realizado o pasado ano 2012. Non explicitaron os criterios utilizados para marxinar aos medios en galego.

Esa decisión incumpre abertamente o artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que “o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (…) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo”. Gerardo Fernández Albor asinara o citado texto legal en 1983.

“Roberto Vidal Bolaño, sen ningunha dúbida sorprenderíase da decisión de marxinar aos medios de comunicación en galego, pero esa sorpresa exténdese tamén a calquera cidadán ante a “opacidade” que preside os criterios de reparto da publicidade institucional, pagada cos cartos de todos os galegos e galegas, dos que votaron ao partido no goberno, os que votaron á oposición e incluso dos que se abstiveron”.

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida” afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo no discurso oficial do Dia das Letras. “Os medios de comunicación en galego tamén queremos ter cabida nese monumento colectivo” manifestan medios como Radiofusión, Galicia Confidencial, Praza Pública, Que pasa na costa, Compás da costa, Terra cha.xa, Crónica 3, Sermos Galiza, Novas da Galiza e Certo.gl, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *