Manifesto da Asociación de Medios en Galego
AS RAZÓNS DA ASOCIACION DE MEDIOS EN GALEGO
Os medios de comunicación que utilizamos o idioma galego dirixímonos a todas as persoas que falan en lingua galega e a todas aquelas que a aman. Queremos xa que logo, comunicarnos e establecer fío directo coa inmensa maioría da poboación de Galicia.
Queremos contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Preocúpanos a situación da nosa lingua e diante do descenso no seu uso manifestamos, e até clamamos, que a día de hoxe o uso do noso idioma non está asegurado.
Durante o século XX a lingua galega era falada con espontaneidade e regularidade pola maioría da poboación, mais nas últimas décadas os estudos científicos constatan o importante descenso no seu uso, en parte, porque non hai medios, nin ferramentas que estimulen, apropiadamente, o seu uso.
Apelamos a todos os cidadáns de Galicia, aos que viven aquí e aos que residen fóra, porque a presenza do galego, a súa extensión, a súa normalización, dependen da vontade do corpo social e das actitudes positivas e activas ao seu favor.
Afirmamos que o desfrute cultural é unha necesidade basica, só despois da alimentación, a vivenda, a sanidade e a educación. Asumimos a aseveración do filósofo Eduardo Lourenço segundo a cal a cultura non é un fin en si mesmo e por iso defendemos unha cultura vocacionada para a felicidade.
Pero a cultura non existe en abstracto, está vencellada ao territorio, á comunidade humana que habitou e que habita na zona determinada do planeta onde se desenvolve. Porque a universalidade parte do local, do próximo, do cercano.
Moitos medios impulsaron a finais do 2011 a campaña Vitaminas para o galego. A iniciativa suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións.
Por iso, parte dos medios en galego que participamos nesa iniciativa, decidimos agora constituirnos en asociación para favorecer a nosa visibilización. O noso obxectivo é organizarnos para manter e potenciar o noso traballo, para garantir a pervivencia da nosa lingua, para traballar pola dignificación do xornalismo e para procurarmos ademais vías de financiamento que garantan a nosa sustentabilidade.
POR QUE SON NECESARIOS OS MEDIOS EN GALEGO?
O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e, antes de nada, en Galicia.
O galego necesita vitaminas. Os medios precisamos con urxencia a colaboración global, das institucións, da sociedade civil e da cidadanía. Queremos facer patente a necesidade de axudas, medios, apoio e soporte para o idioma galego. Pretendemos implicar a moitas entidades e sensibilizar as persoas, o pobo, para revitalizar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional.
O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza.
Galicia quere información de proximidade en galego, “mass media” que no século XXI difundan e prestixien o idioma. Altofalantes que peten nas conciencias e que fagan visible a sensibilidade existente na sociedade galega.
Temos unha lingua propia, unha cultura que nos enriquece, nos diferencia e nos globaliza, unha xente que ama a súa terra e un País que nos une a todos. Por iso, é imprescindible que haxa medios en galego, que a xente os apoie, que os políticos os respecten e que as institucións os axuden. Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos.
Por iso, a Asociación de Medios en Galego procurará:
– Defender os intereses dos medios de comunicación en galego.
– Contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia.
– Consolidar un espazo de comunicación en galego que responda ás necesidades actuais e de futuro propias da sociedade galega do século XXI.
– Fomentar a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación en galego.
– Promover iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector.
– Desenvolver accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego.
– Intercambiar coñecementos e información e promover proxectos comúns que axuden a desenvolver de forma efectiva os fins da asociación.
– Contribuir ao proceso de normalización lingüística.
O ESTATUS DOS MEDIOS EN GALEGO
O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que “todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo, responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación.
Ademais, en virtude da Lei de normalización lingüística, a Administración local e a autonómica están obrigadas a escribir todos os seus documentos oficiais en galego; está establecida a presenza do galego en todo o sistema educativo e garántese a promoción lingüística nos países con comunidades galegas emigrantes e nas áreas limítrofes con Galicia nas que se fala o galego.
Durante os máis de vinte anos de aplicación da Lei de normalización lingüística producíronse avances decisivos no proceso de normalización da lingua, se ben a súa igualdade xurídica co castelán aínda non é plena. As axudas institucionais aos medios en galego son mínimas e a súa distribución moi cuestionable e, moitas ocasións, distribuída en función de criterios políticos e non lingüísticos.
Por iso, a Asociaciación de Medios en Galego procurará:
– Abrir canles de diálogo coas distintas administracións públicas, partidos políticos e organizacións profesionais para analizar a actual situación dos medios en galego e artellar unha nova Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios que usan este idioma.
– Representar ao sector e actuar diante das administracións locais, provinciais, nacionais e estatais, así como diante de todo tipo de institucións públicas e privadas, e tamén diante das institucións da Unión Europea e outras organizacións internacionais, en todo aquelo quen afecte aos medios de comunicación en galego.
OS XORNALISTAS QUE ESCRIBIMOS EN GALEGO
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, en Galicia existen máis de 6.000 persoas que estiveron buscando traballo na área de información, comunicación ou actividades relacionadas co xornalismo nos últimos anos. Moitos deles son profesionais que estiveron exercendo como profesionais da información en medios en galego ou escribindo en galego en medios nos que a lingua máis utilizada é o español.
E é que, curiosamente, desde 2009, a crise afectou, principalmente, aos medios en galego. Desde entón desapareceron A Nosa Terra –o semanario máis antigo na nosa lingua–, Galicia Hoxe –o xornal diario en galego máis veterano–, A Peneira –un dos xornais comarcais en galego con máis sona–, Xornal de Galicia –un medio bilingüe pero no que a presenza do galego era moi destacada– ou o dixital Vieiros –o portal informativo en galego máis antigo da rede–. No camiño tamén quedaron outros medios dixitais como GZnación ou Xeración. E outros, como é o caso de Luns a Venres, pasaron de ser diarios a semanarios.
Unha situación que, sen embargo, non viviron as cabeceiras en castelán. Desque comezou a crise, ningún dos grandes medios galegos pechou a súa edición, a pesares de ter despedido a dúcias de persoas e, iso é, en parte, polo sistema actual de subvencións públicas, que beneficia a estas grandes cabeceiras en prexuizo das máis pequenas ou das que están escritas en galego.
Por iso, a Asociación de Medios en Galego procurará:
– Debater colectivamente a situación laboral do sector dos medios en galego para mellorar a súa situación.
– Asesorar ás entidades produtoras de medios en galego para facer fronte aos problemas profesionais comúns.
– Contribuir á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica, sostén imprescindíbel da liberdade de prensa.
Asociación de Medios en Galego