Últimas prazas para o Obradoiro para un uso hixiénico das redes sociais
Despois do éxito da xornada online, a Asociación de Medios en Galego (Amega) continúa o programa formativo cun obradoiro presencial sobre redes sociais, unha formación integral deseñada para diferentes niveis e necesidades.. A formación terá lugar o sábado 28 de marzo no edificio Cersia de Santiago de Compostela.
Este programa non busca só ensinar a “estar” nas redes, senón a entendelas e lideralas. Está deseñado para converter seguidores en clientes reais. As persoas asistentes aprenderán a construír unha identidade de marca sólida e a utilizar ferramentas de optimización para rendibilizar o seu tempo e investimento. Unha guía dende cero para perder o medo á tecnoloxía e entender como funcionan as plataformas que moven o mundo, pero tamén un espazo vital para familias e mozos. O foco estará no uso responsable da rede, a xestión da privacidade e a prevención de riscos, garantindo que internet sexa un contorno seguro de aprendizaxe. Para aqueles que buscan ir un paso máis alá, ofreceranse módulos prácticos sobre fotografía profesional, creación de contidos de alto impacto e o manexo de publicidade pagada (Ads) para aumentar o alcance.
A formación será impartida por TOKIKOM, a rede de medios locais do País Vasco, unha das experiencias máis avanzadas de cooperación entre medios de proximidade no ámbito europeo. Ademais, contará coa participación de Mastodon.gal, que presentará as posibilidades desta instancia galega dentro do Fediverso e desenvolverá un taller práctico para aprender a utilizar esta rede social descentralizada.
Durante a sesión en liña abordarase unha introdución ao Fediverso, explicando que é, cales son as súas características e que diferenzas presenta respecto das grandes plataformas comerciais. Tamén se analizarán exemplos como Mastodon, Pixelfed, Peertube ou Loops, e o seu potencial para fortalecer a presenza dixital dos medios locais.
A xornada presencial permitirá coñecer experiencias reais de medios que xa están a utilizar o Fediverso, así como participar nun taller práctico para crear contas, configurar perfís, aprender normas de etiqueta e descubrir ferramentas de automatización.
Esta iniciativa forma parte do proxecto A Rede Viva dos Medios en Galego, no que colabora a Deputación da Coruña, e conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
“Queremos que as redes sociais deixen de ser un labirinto para converterse nun altofalante. Xa sexas un autónomo que busca vender máis ou un pai preocupado pola seguridade do seu fillo, este obradoiro ofrece solucións reais e prácticas”, sinalan dende a organización.
As persoas interesadas en asistir poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico: mediosengalego@gmail.com
