Día dos Medios en Galego

AMEGA celebra o Día dos Medios en Galego en Ourense co gallo do 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela


Xa está aquí un novo Día dos Medios en Galego 2026, unha edición moi especial na que conmemoramos o 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, primeira cabeceira periódica integramente en galego.

Dende a Asociación de Medios en Galego convidámosvos a participar nesta xornada, que será unha oportunidade para reflexionar sobre o presente e o futuro do sector, reforzar vínculos entre medios e celebrar colectivamente o compromiso coa lingua e coa comunicación de proximidade.

Esta xornada naceu coa vontade de consolidarse como un espazo anual de encontro entre medios de comunicación, administracións públicas, entidades culturais e sociedade civil, co obxectivo de reflexionar sobre o papel estratéxico dos medios en galego no contexto actual de transformación dixital.

O venres, 6 de febreiro a partir das 18:00 horas, celebrarase no Liceo de Ourense unha mesa coloquio centrada en Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación, na que participarán profesionais e representantes de entidades de referencia do ámbito galego, catalán e vasco. A sesión concluirá cun espazo de encontro institucional. E xa pola noite, a partir das 21:00 horas celebraremos unha foliada aberta á cidadanía na Praza de San Martiño.

O sábado, 7 de febreiro a partir das 11:00 horas, desenvolverase un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, organizado polo Consello da Cultura Galega, que permitirá poñer en valor a figura do impulsor de O Tío Marcos d’a Portela e o legado do xornalismo en galego, que rematará cun cocido no Liceo.

PROGRAMA

Venres, 6 de febreiro ·

Liceo de Ourense

17:30 – 18:00 h
Inscricións

18:00 – 18:10 h
Benvida institucional

  • Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense
  • Fernando de Paz, presidente de AMEGA

18:00 – 19:30 h
Mesa coloquio: Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación

Intervirán:

  • Joxe Rojas (Tokikom)
  • Xavier Domingo Serra (AMIC / Mortensen e Sorensen AI)
  • Ferran Pedrix (Associació Catalana de la Premsa Comarcal)
  • Paulo Gamallo (USC – Proxecto Nós)
  • Iván Iglesias (OUKÉ!)
  • Rebeca Munín (Revista Pincha / AMEGA)

19:30 – 19:40 h
Clausura

  • César Fernández, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense
  • Valentín García, secretario xeral da Lingua

19:40 – 20:30 h
Petiscos no Liceo

21:00 h
Foliada na Praza de San Martiño, coas agrupacións:
A Galleira · A Cunheira · Feitizo de Pau · Castro Floxo · Coral de Ruada

Sábado, 7 de febreiro

11:00 h
Roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal
Saída do Cemiterio de San Francisco e percorrido polos espazos máis significativos da súa traxectoria na cidade. Remate cun Cocido no Liceo de Ourense. (Actividade organizada polo Consello da Cultura Galega)

Agardamos contar coa vosa presenza nunha cita que é de todas e todos nós. O Día dos Medios en Galego é o noso espazo común para pensar o sector, proxectarnos cara ao futuro e celebrar o orgullo de facer medios en galego. 

Programa do Dia dos Medios en Galego 2026
Programa do Dia dos Medios en Galego 2026

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *