AMEGA organiza un obradoiro sobre redes sociais para fortalecer os medios locais galegos
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza o obradoiro “Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sanas”, unha actividade formativa destinada a explorar novas ferramentas dixitais para os medios de comunicación de proximidade e reflexionar sobre o futuro das redes sociais.
O obradoiro celebrarase en dúas sesións: unha sesión remota o mércores 18 de marzo ás 10:00 horas a través de Zoom e unha sesión presencial o sábado 28 de marzo no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela. A actividade conta con 30 prazas, con prioridade para os medios socios de AMEGA.
A formación será impartida por TOKIKOM, a rede de medios locais do País Vasco, unha das experiencias máis avanzadas de cooperación entre medios de proximidade no ámbito europeo. Ademais, contará coa participación de Mastodon.gal, que presentará as posibilidades desta instancia galega dentro do Fediverso e desenvolverá un taller práctico para aprender a utilizar esta rede social descentralizada.
Durante a sesión en liña abordarase unha introdución ao Fediverso, explicando que é, cales son as súas características e que diferenzas presenta respecto das grandes plataformas comerciais. Tamén se analizarán exemplos como Mastodon, Pixelfed, Peertube ou Loops, e o seu potencial para fortalecer a presenza dixital dos medios locais.
A xornada presencial permitirá coñecer experiencias reais de medios que xa están a utilizar o Fediverso, así como participar nun taller práctico para crear contas, configurar perfís, aprender normas de etiqueta e descubrir ferramentas de automatización.
Esta iniciativa forma parte do proxecto A Rede Viva dos Medios en Galego, no que colabora a Deputación da Coruña, e conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
Desde AMEGA animamos aos medios locais, profesionais da comunicación e persoas interesadas no ecosistema dixital galego a participar nesta formación, que busca abrir novas vías de comunicación máis abertas, colaborativas e saudables para os medios en galego.
– Inscricións: mediosengalego@gmail.com
– Prazas: 30
O Fediverso xa está aquí. É o momento de que os medios locais galegos tamén formen parte del.
Programa do Proxecto A Rede Viva dos Medios en Galego
Obradoiro – Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sanas
Datas e formato:
- Sesión remota (Zoom): mércores 18 de marzo, ás 10:00 horas
-
- Sesión presencial: sábado 28 de marzo
- Lugar sesión presencial: Edificio CERSIA, Santiago de Compostela (Rúa do Alcalde
- Raimundo López Pol, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña)
- Prazas: 30 (prioridade socios AMEGA)
- Inscricións: mediosengalego@gmail.com
- Programa: SESIÓN REMOTA – 18 DE MARZO (Zoom)
10:00 – 11:00 | Introdución ao Fediverso:
– Presentación: “Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sanas”
– Características do Fediverso
– Diferenzas coas redes sociais comerciais
– Exemplos: Mastodon, Pixelfed, Peertube, Loops
– Potencial para os medios locais
– Preguntas e comentarios
SESIÓN PRESENCIAL – MAÑÁ (28 DE MARZO)
- 09:30 – 10:30 | TOKIKOM: reflexión sobre redes sociais
- 10:30 – 11:00 | Pausa café
- 11:00 – 12:00 | TKM: instancia Mastodon para noticias locais
- 12:00 – 13:00 | MATX: rede social de deporte local
- 13:00 – 14:00 | Mastodon.gal: presentación e colaboración
- 14:00 – 15:00 | Petiscos / xantar informal
SESIÓN PRESENCIAL – TARDE (28 DE MARZO)
- 15:00 – 17:30 | Taller práctico en mastodon.gal
-
- Creación de conta
- Configuración básica
- Normas de etiqueta
- Automatización e ferramentas
