AMEGA presenta unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego, que conta coa financiación da Deputación da Coruña
Dentro das actividades para celebrar o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día 7 de febreiro coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de lanzar a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua. A publicación, realizada coa colaboración da Deputación da Coruña, estará dispoñible para descarga libre na web da Deputación e será impartida en diversos centros educativos da provincia.
A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, e enmarcada dentro do décimoprimeiro aniversario de AMEGA, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego. A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación.
O material será traballado en centros de diferentes localidades, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), permitindo que o alumnado coñeza desde a historia dos primeiros xornais en galego ata a situación actual da prensa, radio, televisión e medios dixitais.
O presidente de AMEGA, Pablo García Fernández, destacou que esta iniciativa “é un paso máis para fortalecer a presenza do galego nos medios de comunicación e garantir que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.
A guía, que se presenta coincidindo co Día dos Medios en Galego, pon de manifesto a importancia de crear ferramentas que permitan que a sociedade galega, e especialmente a mocidade, teña acceso a unha información veraz e plural na súa propia lingua.
Toda a información sobre a guía didáctica pode consultarse en www.mediosengalego.gal/guiadidactica e na web da Deputación da Coruña.
