Xeral

Lugo vólcase coa iniciativa “Vitaminas para o galego” promovida por máis de vinte medios de comunicación

Imaxe Asociada

Imaxe Asociada# Mércores, 09/05/2012


Será sede do ambicioso proxecto denominado “Vitaminas 17” que se celebrará conxuntamente en 17 cidades do mundo e 17 cidades galegas para conmemorar o Día das Letras Galegas 

A lectura dun manifesto e o reparto de lápises entre escolares son os actos programados en Lugo 

Son máis de vinte medios de comunicación os que integran a plataforma “Vitaminas para o galego”, unha iniciativa que naceu da man de nove destes medios o pasado mes de decembro en Arzúa co obxectivo de promover o uso da lingua galega entre os profesionais da información e trasladar á poboación a situación de risco de desaparición na que se atopa o galego. Ao longo destes meses, estas vitaminas fortaleceron a colaboración e hoxe son vintesete os medios que están detrás desta iniciativa que trata de subministrar novos bríos á lingua galega a través de diversas actividades como a celebración de festivais músico-poéticos, concursos, recitais e ducias de actividades por toda a xeografía galega. 

Dende a Costa da Morte e Compostela, agora chega a Lugo unha dose extraordinaria de “Vitaminas para o Galego” que foi presentada polo Tenente de Alcalde, Antón Bao xunto ao director do xornal De Luns a Venres, Alfonso A. Rivero, e o coordinador de EMUGA (Emisoras Municipais Galegas), Henrique Sanfiz. O edil nacionalista explicou que “Lugo sumouse á esta iniciativa e vai ser unha das sedes das “Vitaminas 17” que van conmemorar o Día das Letras Galegas e, sobre todo, vanlle dar vida á nosa lingua”. Precisamente, Lugo foi o escenario escollido para presentar esta campaña que vai dar a volta o mundo co fin de que a nosa fala se escoite nos cinco continentes. 

 Aproveitando a súa comparecencia, Antón Bao reflexionou acerca do papel que desempeñan os medios de comunicación na promoción do galego incidindo no feito de que “o futuro do galego pasa tamén nos medios de comunicación e nas novas tecnoloxías, pois xogan unha función de transmisión da lingua que antes exercíase dende a familia e o ensino. É precisamente nas novas tecnoloxías onde atopamos unha clave de futuro, pois os seus usuarios determinarán que a nosa lingua estea en uso e presente no mundo enteiro, ou quede relegada ao ámbito doméstico”. 

Nesta liña, Alfonso A. Rivero explicou que “para nós todos os días son en galego. Seguindo a tradición, o 17 de maio os medios de comunicación sacan a portada en galego, cousa que está moi ben, pero os nosos medios usan o galego os 365 días do ano”. 

“Vitaminas 17” trátase dun ambicioso proxecto promovido polos medios de comunicación da plataforma “Vitaminas para o galego” para conmemorar o 17 de maio do 2012, Dia das Letras Galegas. Esta campaña trata de facer fincapé na necesidade de promover o uso do galego nos medios para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional. 

Os actos programados en Lugo consisten no reparto entre os escolares duns lápises especiais para escribir en galego e a lectura do manifesto de constitución da plataforma. Con esta iniciativa búscase comunicar a urxencia de promocionar o uso da lingua galega entre os máis novos, co fin de poder a garantir a supervivencia do noso idioma no futuro. 

Os lápises levan impresas estas lendas: 

LAPIS ESPECIAL PARA ESCRIBIR EN GALEGO 

    Con este lapis na man
    podo facer nun segundo
    que a miña boca se exprese
    na mellor lingua do mundo
Este lapis está garantido. En caso de reclamación ou mal funcionamento acuda á súa conciencia. 

Henrique Sanfiz explicou que “a campaña “Vitaminas 17” trátase dunha actividade expansiva que se vertebrará en 4 eixos”. 

O primeiro deles é “17 escolas” nas que o día 16 de maio –víspora das Letras Galegas- ás 12 da mañá se dea lectura do manifesto “Vitaminas para o galego”, de xeito simultáneo en, alomenos, 17 escolas de Galicia. Esas lecturas gravaranse en vídeo e colgaranse na web vitaminasparaogalego.gl 

O segundo é “17 Concellos”, nos que tamén o día 16 de maio ás 17 horas darase lectura do manifesto “Vitaminas para o galego”, diante das Casas dos Concellos de 17 localidades de Galicia. En cada localidade búscase que participen na lectura, persoeiros senlleiros da vida política, cultural, deportiva e social de Galicia. Esas lecturas gravaranse en vídeo e colgaranse na web vitaminasparaogalego.gl 

O terceiro é “17 idiomas” para o que se está a organizar a lectura do manifesto “Vitaminas para o galego” en 17 idiomas con versión subtitulada en galego. Estes actos tamén serán gravados e colgados na web vitaminasparaogalego.gl 

O cuarto e último eixo é “17 cidades do mundo”. Trátase de que entre o 1 e o 16 de maio de impulsar a lectura do manifesto “Vitaminas para o galego” dende 17 cidades dos 5 continentes e de fora de Galicia. “Xa temos contactos en cidades como Sidney, Dubai, Montana, Beijing, Tokio, Brasilia, Bós Aires, e por suposto colgaremos tamén esas lecturas na web vitaminasparaogalego.gl” explicou Sanfiz. 

Medios volcados co galego 
A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta. E conta coa colaboración de Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZ, Cadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira e o programa radiofónico Plástico Elástico. 

MANIFESTO: “AS RAZÓNS DE VITAMINAS PARA O GALEGO” A iniciativa VITAMINAS PARA O GALEGO diríxese a todas as persoas que falan en lingua galega e a todas aquelas que a aman. 

Quero contribuír a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Preocúpame a situación da nosa lingua e diante do descenso no seu uso, manifesto que a día de hoxe o uso no futuro do noso idioma non está asegurado. 

No século XX a lingua galega era falada con espontaneidade e regularidade, mais nas últimas décadas os estudos científicos e mesmo unha sinxela observación, constatan o descenso no seu uso. 

Apelo a toda a cidadanía de Galicia, á que vive aquí e á que reside fóra, porque a presenza do galego, a súa extensión, a súa normalización, dependen da vontade do corpo social e das actitudes positivas e activas ao seu favor. 

Afirmo que o desfrute cultural é unha necesidade básica, só despois da alimentación, a vivenda, a sanidade e a educación. Asumo a aseveración do filósofo Eduardo Lourenço segundo a cal a cultura non é un fin en si mesmo e por iso defendemos unha cultura vocacionada para a felicidade. 

Pero a cultura non existe en abstracto, está vencellada ao territorio, á comunidade humana que habitou e que habita na zona determinada do planeta onde se desenvolve. Porque a universalidade parte do local, do próximo, do cercano. 

O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa creación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia. 

O galego necesita vitaminas. A campaña recaba con urxencia a colaboración de toda a xente. Quere facer patente a necesidade de axudas, medios, apoio e soporte para o idioma galego. Pretende implicar a moitas entidades e sensibilizar ás persoas, ao pobo; para revitalizar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional. 

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza. 

Vitaminas para o galego pretende visibilizar aos medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal. Procuramos ademais vías de financiamento que garantan a súa sontenibilidade e o traballo digno dos seu conxunto de profesionais. 

Galicia quere información de proximidade en galego, “mass media” que no século XXI difundan e prestixien o idioma, altofalantes que ensinen a nosa visión do mundo, peten nas conciencias e fagan visible a sensibilidade e a creatividade existente na sociedade galega. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *