Nace a nova Asociación para defender e loitar polo galego nos medios de comunicación
A nova entidade xorde con once medios en papel, electrónicos ou radiofónicos para garantir a pervivencia do idioma e e procurar vías de financiamento que garantan o sustento dos media en galego.
Santiago de Compostela, 16 de maio. Once medios de comunciación — Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos e a Nova Peneira– presentaron a “Asociación de Medios en Galego”, unha nova entidade que ten como obxectivo organizarse para manter e potenciar o galego, garantir a pervivencia da lingua nos medios, traballar pola dignificación do xornalismo e procurar vías de financiamento que garantan a súa sustentabilidade.
O acto de prensentación tivo lugar este xoves na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e nel os representantes dos distintos medios destacaron a necesidade de traballar xuntos para loitar pola supervivencia do galego nun tempo de crisis no que, ademais, a Xunta de Galicia, dalle ás costas aos medios que usan esta lingua. Alí procederon á lecturado Manifesto da nova entidade.
A asociación xurdiu a raíz da campaña Vitaminas para o galego. Unha iniciativa que naceu en decembro de 2011 e que ao longo do pasado ano suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións.
A forza do galego
Esta asociación –na que tamén pediu o ingreso os xornais A Voz de Vilalva e Cadernos de Comunicación e Análise– destaca que o galego non é un obstáculo para comunicarse en Galicia. “Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia”, apuntan nun manifesto que deron a coñecer este xoves.
“Temos unha lingua propia, unha cultura que nos enriquece, nos diferencia e nos globaliza, unha xente que ama a súa terra e un País que nos une a todos. Por iso, é imprescindible que haxa medios en galego, que a xente os apoie, que os políticos os respecten e que as institucións os axuden. Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos”, engaden.
Por iso, a Asociación de Medios en Galego procurará defender os intereses dos medios de comunicación en galego, contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia, consolidar un espazo de comunicación en galego, fomentar a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación en galego ou promover iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información e promover proxectos comúns que axuden a desenvolver de forma efectiva os fins da asociación e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.
Nova Lei de Publicidade Institucional
Outra das finalidades desta nova institución de defensa do galego é abrir canles de diálogo coas distintas administracións públicas, partidos políticos e organizacións profesionais para analizar a actual situación dos medios en galego e artellar unha nova Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios que usan este idioma. Tamén, representará ao sector e actuará diante das administracións locais, provinciais, nacionais e estatais en todo aquelo quen afecte aos medios de comunicación en galego.
Finalmente, debatirá colectivamente a situación laboral do sector dos medios en galego para mellorar a súa situación e asesorará ás entidades produtoras de medios en galego para facer fronte aos problemas profesionais comúns. Esta asociación, tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica.