O Colexio de Xornalistas lembra que “o xornalismo tamén é esencial para a supervivencia do galego”
Co gallo da celebración deste ano do Día dos Medios en Galego, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa preocupación polos datos recentes sobre o uso do galego e reclama medidas valentes de normalización para garantir que os medios cumpran co papel que lles corresponde no mantemento desta lingua, así como unha aposta polo xornalismo de proximidade.
Para a entidade resulta “inevitábel facer referencia aos datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso da lingua”, na que se refrenda que por primeira vez na historia “o galego xa non é a lingua predominante en Galicia e o seu coñecemento e comprensión está claramente a recuar”.
Perante estes datos, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que “o xornalismo en galego ten tamén un papel fundamental para a supervivencia da lingua“.
De feito, as devanditas cifras vólvense aínda máis preocupantes cando ollamos o consumo de medios: o 55,38% da poboación só le prensa en castelán, o 43,74% só escoita a radio en castelán e o 34,41% só ve a televisión en castelán.
Se sumamos os datos daquelas persoas que din consumir os medios máis en castelán que en galego, as porcentaxes soben até o 95,46%, 84,87% e 81,42%, respectivamente.
“Estes datos, con todo, non poden sorprendernos nun ecosistema mediático que, contra a realidade histórica de Galicia, tense desenvolvido de maneira moi maioritaria en castelán”, recoñece a entidade. “Para que os medios de comunicación galegos se parezan máis lingüisticamente á sociedade que queren reflectir, son necesarias políticas valentes que regulen dunha maneira efectiva as axudas, e mesmo a concesión de publicidade institucional, para potenciar que o xornalismo en galego sexa unha realidade e non só unha anécdota entre as páxinas e minutos de información en castelán”.
Lembran ademais que “o desenvolvemento da información en galego está tamén ligado á información de proximidade, un tipo esencial de xornalismo que periga ante os recortes e as distintas crises no sector da comunicación”. “A identificación que boa parte da sociedade galega fai da lingua coa súa contorna máis próxima facilita que a información local sexa non só un espazo máis propicio senón até favorecedor para o uso do galego”. Por iso, piden “potenciar os medios locais, as delegacións e o emprego de xornalistas nas cidades e vilas é tamén unha maneira de loitar polo mantemento da lingua”.