O Día dos Medios en Galego 2020 celébrase en Carballo
Cada 7 de febreiro, Galicia celebra o Día dos Medios en Galego, unha data ratificada por unha declaración conxunta de todos os partidos con representación no Parlamento Galego no 2018.
A data quere lembrar a saída primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado en Ourense por Valentín lamas Carbajal aló polo 1876.
Este 2020 a promotora da celebración, a Asociación de Medios en Galego AMEGA (www.mediosengalego.gal) une esforzos en Carballo, onde organizará un novo acto para visibilizar a importancia e a necesidade de que os medios comuniquen na nosa lingua e darlle luz aos máis de 100 medios que hai en activo (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contanto, en galego, o que pasa no noso país. .
A cita terá lugar o propio venres 7 de febreiro, a partir das 20:30h no Casino1889, unha entidade cultural centenaria, rexurdida pola mocidade carballesa neste último lustro. O acto será presentado, en clave regueifeira, por Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González, e contará a participación de representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, colaboradores do evento.
Despois duns petiscos, pechará o acto a banda muradá Terbutalina, cun magnífico concerto, rememorando aquela Gala de 2011 celebrada en Compostela onde a banda colaborara coa AMEGA no marco da campaña Vitaminas para o Galego.