Ourense celebrou o Día dos Medios en Galego arredor de Valentín Lamas Carbajal
Celebrou Ourense esta fin de semana o Día dos Medios en Galego, que se conmemora cada 7 de febreiro na honra da publicación do primeiro número de O Tío Marcos da Portela, considerada a primeira cabeceira escrita íntegramente en galego.
A AMEGA, o Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Linguística, quixeron achegarse á vila das Burgas para armar programa conxunto que sirva para lembrar o 150 aniversario da propia publicación, así como o 120 aniversario do pasamento do seu promotor, Valentín Lamas Carbajal.
Charla sobre redes sociais e IA

A programación arrincou o venres 6 de febreiro no Liceo cunha interesante mesa redonda sobre os retos aos que se enfronta o xornalismo nesta era das redes sociais, a Intelixencia artificial e a desinformación. Unha sesión na que se puido corroborar que o galego, por primeira vez, parte nunha posición de igualdade co resto de linguas cooficiais do estado.

Trala benvida de Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense, e de Fernando de Paz, presidente de AMEGA, celebrouse unha mesa moderada po rRebeca Munín, directora da Revista Pincha e Secretaria da AMEGA. Dende Euskadi, Joxe Rojas (Tokikom) achegou unha interesante visión crítica sobre os medios de todo o estado estamos promocionando empresas estadounidenses de dubidosa ética. “Fagamos que nos traian tráfico, pero non llo levemos”, apuntou.
Dende Cataluña, Xavier Domingo Serra (AMIC / Mortensen e Sorensen AI) amosou unha ferramenta que está desenvolvendo unha das asociacións de prensa catalás para utilizar unha IA adaptada á prensa. Tremendamente interesante foi a sesión de Ferran Pedrix (Associació Catalana de la Premsa Comarcal) sobre como enfrontarse de xeito unido á tiranía das redes.
Puxo o acento galego na conversa Iván Iglesias, promotor do proxecto OUKÉ!, que revoluciona a rede a través da política ourensá.

Unha sesión que pechou Valentín García, secretario xeral da Lingua e César Fernández, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, que puxo o acento na figura de Lamas Carbajal, antes de poder gozar uns petiscos nos que estiveron representados máis de 20 medios da AMEGA.
Foliada

De seguido celebrouse unha divertida foliada na Praza de San Martiño coas entidades A Galleira, Cantos da Cunha, Feitizo de Pau, Escola Provincial de Danza Castro Floxo e a Coral de Ruada.
Roteiro

Para xornada do sábado Consello artellou un interesante roteiro polas pegadas de Lamas na vila da Burga (que en Ourense lle din en singular), da man de Alfonso Monxardín, e coas intervención do bisneto do escritor Manuel López-Ribadulla Lamas, a presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez, da Academia Galega María López Sández, o secretario xeral da Lingua Valentín Garcia e o presidente da Asociación de Medios en Galego Fernando de Paz.

A xornada finalizou no Liceo cunha actuación da Coral de Ruada e un cocido no Liceo.
