Xeral

O Día dos máis de 100 Medios en Galego

Este venres 7 de febreiro Carballo acolle a celebración do Día dos Medios en Galego. Unha celebración ratificada no Parlamento Galego que se celebra cada ano co gallo da saída ás rúas da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado en Ourense por Valentín lamas Carbajal en 1876.

Este 2020 é Carballo o que acolle o acto principal da celebración, que pretende convertirse nunha festa da nosa lingua. E dende a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) queremos celebralo cos máis de 100 medios que cada día usan o galego para contar o que acontece no noso país. Máis de 100 medios que demostran que a lingua está moi presente

Por todo iso, queremos convidarvos ao acto de celebración, que terá lugar o propio venres 7 de febreiro, a partir das 20:30h no Casino1889 (sito na Rúa Vázquez Parga, 1, Carballo). O acto será presentado pola regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González, e contará a participación da Deputada da área de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño Filgueira; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a Concelleira de Normalización do Concello de Carballo, Maruxa Suárez.

Despois duns petiscos, pechará o acto a banda muradá Terbutalina, que malia ser xa unha das máis potentes do escaparate indie-punk do panorama estatal, segue cantando na nosa lingua.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *