Día dos Medios en Galego

A Coruña pechou a serie de roteiros sobre a memoria dos Medios en Galego

Pechouse na Coruña o ciclo de roteiros xornalísticos para rescatar a memoria da prensa en galego que a Asociación de Medios en Galego vén realizando neste mes de febreiro co gallo do Día dos Medios en Galego, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Deputación da Coruña.

Despois de pasar pola Estrada, A Pobra do Caramiñal e Compostela, e tralo éxito do Festival de música galega contemporánea celebrado o pasado xoves tamén na cidade herculina, a AMEGA pechaba o ciclo de actividades cun roteiro no barrio de Monte Alto.

Da man dun excepcional guía como Xurxo Souto, gracias á coorganización do Xornal da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, máis de 60 persoas “molláronse pola lingua” e descubriron a potencia da cidade da Coruña como gran precursora da prensa en galego.

A sesión arrincaba no Campo de Marte, onde Ubaldo Cerqueiro debullaba quen forma a AMEGA e daba conta do nacemento do Xornal da Coruña,

Xosé Manuel Pereiro explicou a Revista Luzes, un proxecto que aposta polo xornalismo pausado nesta sociedade que sobrevalora a actualidade.

A seguinte parada foi no IES Zalaeta, o que significou “unha revelación” para moitos dos presentes. Xoán Costa, membro do Consello de dirección de Nós Diario, lembrou que o Hospicio no que agora se sitúa o IES, albergara a primeira imprenta fixa da cidade da Coruña onde xa se publicara en 1808 o pioneiro “Diario de La Coruña”, ou en 1860, o Vello Pico Sagro, o primeiro en galego na Coruña e posiblemente de todo o país, desmontando así as teses da nosa entidade de que a primeira publicación xornalística na nosa lingua foi O Tío Marcos da Portela

María Xosé Bravo, presidenta da da co organizadora AC Alexandre Bóveda, tomou a palabra no Papagaio para descobrirnos que a gran referencia do xornalismo en galego, A Nosa Terra.
O roteiro quixo lembrar tamén a figura de Luisa Villalta, a coruñesa que este ano protagoniza o Día das Letras Galegas. O lugar foi escollido porque dende O Papagaio tamén Villalta escribiu moitas das súas columnas xornalísticas para a renovada A Nosa Terra ou Tempos Novos. Foi Carmela Galego, vicepresidenta da propia ACAB a que destacou “o compromiso” como terceiro alicerce que fai de Villalta unha auténtica pioneira.

O roteiro remataba no Campo da Leña, onde Tomás Legido resumía 29 anos de asociación e 28 de radio comunitaria da CUAC FM.

Xurxo Souto despediu a xornada facendo que toda a comitiva acabase cantándolle ao Orzán, e pechando unha xornada de descuberta e coñecemento da nosa propia historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *