AMEGA traslada ao novo Secretario Xeral de Medios as súas propostas para mellorar a situación dos medios en galego
O novo secretario xeral de medios, Pedro Rojo Otero, recibiu esta mañá á Asociación de Medios en Galego (AMEGA) nunha reunión de traballo.
Neste encontro, Pablo García (presidente da AMEGA), Fernando de Paz (tesoureiro) e Miguel Rodríguez (vogal) presentaron diferentes áreas e propostas para a mellora da situación dos medios en galego, así como para o seu desenvolvemento e fortalecemento.
Pedro Rojo Otero atendeu ás propostas presentadas e mostrou o seu interese coa mellora e a colaboración cos medios en galego.
Pola súa parte, os representantes de AMEGA expresaron o seu optimismo e confianza en que esta colaboración coa Secretaría Xeral de Medios permitirá avanzar de maneira significativa na consolidación e crecemento dos medios en galego.
A reunión concluíu coa firme intención de ambas partes de continuar traballando conxuntamente para acadar estes obxectivos comúns.
A Secretaría Xeral de Medios e AMEGA seguirán en contacto para concretar as propostas presentadas e levalas a cabo de maneira efectiva.