Día dos Medios en Galego

Así será o Roteiro “Compostela e a Lingua” polo Día dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego celebrará o Día dos Medios en Galego co roteiro ‘Compostela e a lingua’, que se desenvolverá en Santiago o próximo sábado 5 de febreiro e contará, entre outros, coa participación da poeta Rosalía Fernández Rial e a compañía de teatro Os Quinquilláns.

Baixo o lema ‘Bota a lingua a pacer’, iranse realizando paradas en lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma. O percorrido estará acompañado polo cuarteto da Asociación Cultural Panaraiada.

O roteiro arrincará ás 11:30 horas diante do Salón Teatro, na Rúa Nova nº34. Alí Os Quinquilláns representarán unha pequena escena dunha das obras de Roberto Vidal Bolaño, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuará na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde nos descubrirá a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise.

O escritor Bieito Iglesias será o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizará na Facultade de Xeografía e Historia.

Haberá tamén unha visita no Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullará a relación de Rosalía de Castro coa cidade.

Xa na praza de Cervantes, na Zona C, volverán actuar Os Quinquilláns, representando a peza ‘Language Planning’, baseada nun dos relatos de ‘Made in Galiza’ de Séchu Sende.

Para finalizar o acto, a carballesa Rosalía Fernández Rial fará un espectáculo poético-musical.

Inscricións
Para participar no roteiro ‘Compostela e a lingua’, no que colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, será necesario inscribirse a través do correo electrónico mediosengalego@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *