Chegou o Día dos Medios en Galego
Un 7 de febreiro de 1876, Valentín Lamas Carbajal editaba en Ourense “O Tío Marcos da Portela”. Pode que sexa a primeira publicación monolingüe en galego, e de aí que a Asociación de Medios en Galego decidise instaurar o Día dos Medios en Galego o 7 de febreiro. Unha data aprobada no Parlamento Galego con unanimidade de todos os partidos.
Hoxe mesmo, venres 7 de febreiro, a AMEGA celebra a data cun concerto no Playa Club da Coruña, baixo o lema “A Lingua que nos une”. As entradas (7€) para o concerto están á venda en entradium.com.
100 medidas para o galego
Outra das iniciativas que pon en marcha este ano AMEGA co motivo da celebración do Día dos Medios en Galego é a elaboración de 100 medidas para mellorar a situación do galego. A partir do 7 de febreiro estará habilitada a páxina web medidas.gal, a través da que se convidará á cidadanía a facer as súas aportacións.