O 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de escoller a data 7 de febreiro para a celebración do “Día dos Medios en Galego”. Unha data que serve de homenaxe á publicación “O Tío Marcos da Portela”, nacida en febreiro de 1876. A histórica publicación foi a primeira entrega de prensa escrita integramente en galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo. O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural. Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, as malas comunicacións e a febleza da industrialización. Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular. A Asociación de Medios en Galego quere “contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na búsqueda de solucións”. Fixan para o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, “unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. Os actos centrais deste Día dos Medios en Galego celebraránse en Fene o sábado 3 de febreiro.