O Día dos Medios en Galego, un antes e un despois para os medios galegos

Así de rotundas foron as palabras do Presidente da AMEGA (Asociación de Medios en Galego) e responsable da Rede de Emisoras Municipais Radiofusión, Henrique Sanfiz. “Hoxe poñemos unha primeira pedra moi importante e contribuiremos a que nada vaia ser igual de aquí en diante”, sinalou Sanfiz durante a celebración da I Gala do Día dos Medios en Galego, celebrada este pasado sábado no local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene.

Un acto que reuniu a importantes representantes de todas as forzas políticas e de numerosas entidades culturais e sociais de todo o país. A gala é a antesala da celebración do Día dos Medios en Galego, para o que a AMEGA escolleu o 7 de febreiro por coincidir co aniversario do nacemento da publicación periódica “O tío Marcos da Portela”, xurdida en Ourense en 1876 con Valentín Lamas Carbajal como editor. Nesa data está prevista unha declaración institucional no Parlamento Galego apoiada por todos os grupos políticos.

Membros da AMEGA

Xurxo Salgado de Galicia Confidencial, moi claro e directo na Gala do Día dos Medios en Galego.#máisquepalabras

Gepostet von Asociación de Medios en Galego am Samstag, 3. Februar 2018
Falaron tamén representantes de varios medios en galego, ademais de Sermos Galiza. Luis Álvarez Pousa destacou as claves da permanencia de “Tempos Novos” desde hai 21 anos: independencia, pluralidade e calidade, ademais do uso da lingua do país, e avogou por un crecemento que permita aos medios en galego ser medios de referencia ademais de denunciar que os subvencionados pola Administración incumpren os mínimos criterios de uso do galego que se establecen para conceder as axudas. Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) pediu que “acariñemos máis a nosa lingua e os nosos medios de comunicación en galego”, mentres que Pablo Chichas (Radio Estrada) explicou que no seu caso é precisamente o uso do idioma o que fai que conecten cos seus ouvintes.

Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa) esixiu tamén “axudas de verdade” por parte da Administración e destacou que medios como o seu contribúen tamén a fixar postos de traballo no rural.

Henrique Sanfiz, Presidente da AMEGA na Gala do Dia dos Medios en Galego

Representantes políticos e sociais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asegurou que coa institución do Día dos Medios en Galego “estamos facendo historia” e adiantou que seguramente no 2019 haberá máis que os 32 medios que agora son socios de Amega. O representante da Xunta expresou o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística ás empresas xornalísticas que utilizan o galego ao tempo que pediu a estes medios que se atendan todas as ideoloxías e se poida “chegar a toda cidadanía no noso idioma”.

Na gala interviron representantes de todos os grupos parlamentarios. A do BNG, Ana Pontón, foi crítica coa Xunta e dixo que o goberno nega o seu apoio aos medios en galego, “porque non cre no seu país nin na súa lingua”, pero engadiu que o pobo “quere un espazo comunicativo forte e en galego”. Xaquín Fernández Leiceaga (PSOE) insistiu en que se necesitan máis medios “de referencia” en galego e apostou por un cambio nas políticas de comunicación e de promoción do galego, tamén para aumentar o número de lectores no noso idioma. Pola súa banda Antón Sánchez, de En Marea, lembrou que “xa hai un espazo de comunicación plural e libre na nosa lingua, queremos máis pero xa o hai” e referiuse ao “desigual combate polas audiencias” que libran estes medios. Pediulles a estes, ademais, “a mesma crítica e rebeldía do Tío Marcos da Portela”. Por último, o representante do PP, César Fernández Gil, aludiu ao papel dos medios de comunicación na construcción do individuo colectivo e destacou a importancia do idioma galego nesta tarefa, para engadir que “a lingua non debe estar ao servizo da consecución dun fin, a lingua é un fin en si mesma”.

Gran Acollida a Gala do Dia dos Medios en Galego

Gran Acollida á Gala do Dia dos Medios en Galego

Ademais dos responsables políticos houbo outras intervencións, como a do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, que destacou o valor que supón contar cun importante capital humano -os máis de dous mil titulados e tituladas saídos de Santiago nos últimos 25 anos- para crear novos medios en galego, ou a de Xoán Costa, responsable de Sermos Galiza, que anunciou a aparición dun novo xornal en galego para 2019.

Os representantes da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estiveron tamén presentes para dar o seu apoio a esta gala, o mesmo que o da Mesa pola Normalización Lingüística, Manuel Rei, que fixo notar que o uso do galego é moi minoritario nos medios de maior difusión e que está máis presente nos de nivel local ou comarcal o que demostra -apuntou- que “hai un compromiso desde abaixo que non ten correspondencia nin apoio desde arriba”.

Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

A gala, que foi presentada por Antón Cortizas e Pitusa Arias, contou con intervencións poéticas a cargo do colectivo literario Moraima e coa colaboración da contacontos Paula Carballeira e a cantante Eugenia Sanmartín.

Tremendos e moi adecuados os tres contos que nos contou Paula Carballeira na I Gala do Día dos Medios en Galego en Barallobre, pretiño da súa casa. Este foi o primeiro.

Gepostet von Asociación de Medios en Galego am Samstag, 3. Februar 2018

Ofrenda e foto final

Unha fotografía conxunta no Monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934, e unha comida de confraternidade puxeron fin a esta primeira gala que terá carácter itinerante nos vindeiros anos.

Lectura no Parlamento

O presidente do Parlamento Galego Miguel Santalices dará lectura o vindeiro mércores a unha declaración institucional arredor do Dia dos Medios en Galego. Fará a lectura o mércores 7 de febreiro ás 12:00h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *