
AMEGA organiza un ciclo de encontros nas tres universidades galegas sobre o presente e o futuro dos medios de comunicación
As xornadas, que pretenden tender unha ponte entre as aulas e as redaccións, celebraranse nas facultades de Ciencias da Comunicación da Coruña o mércores 14, de Santiago o xoves 15 e de Pontevedra o luns 19

Os medios de comunicación viven unha transformación profunda marcada pola intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais, a desinformación, a alfabetización mediática, os cambios nos modelos de negocio e a aparición de novos formatos. Para abordar estes retos, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, organiza tres xornadas presenciais nas universidades galegas co obxectivo de conectar estudantes, profesionais, medios de comunicación, universidade e Administración.
Baixo o título ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’, o ciclo propón tres encontros, que contarán coa presenza de Valentín García Gómez, secretario xeral da lingua, para reflexionar sobre o presente e o futuro do xornalismo en galego desde diferentes perspectivas. As xornadas permitirán achegar o estudantado á realidade profesional e abrir espazos de diálogo arredor dos retos que afronta o sector.
O ciclo arranca o mércores 14 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, cun encontro titulado ‘150 anos do Tío Marcos da Portela’, no que se abordará o nacemento do xornalismo en galego e o papel que xogaron os medios durante estes 150 anos na normalización lingüística e na sociedade galega. O faladoiro contará coa participación do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López García e dos xornalistas Xurxo Salgado Teijido, de Galicia Confidencial, e Silvia Carregal Martínez, de As Nosas e Ártabra Comunicación. O encontro permitirá facer un percorrido pola historia do xornalismo galego ata chegar á irrupción da intelixencia artificial e reflexionar sobre o xornalismo que queremos construír.
Ao día seguinte, xoves 15, a Universidade de Santiago de Compostela acollerá o encontro ‘Begoña Caamaño e as mulleres nos medios en galego’, no que se trazará un percorrido pola memoria das pioneiras do xornalismo galego e polo legado de Begoña Caamaño. Participarán Ana Romaní Blanco, da Real Academia Galega; Lucía Junquera Pazos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Laura Moure Miguélez, de Ecos da Comarca. O encontro afondará en cuestións como a igualdade nas redaccións, o liderado feminino, os nesgos de xénero e a representación das mulleres nos medios, para convidar as persoas asistentes a reflexionar sobre como construír un xornalismo máis igualitario.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra, acollerá o luns 19 o último dos encontros, dedicado a ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’. O profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira Rey, o representante do Consello da Cultura Galega Manuel Gago Mariño e a xornalista de GCiencia Laura Filloy Martínez abordarán como debe ser o medio do futuro que precisan as novas xeracións. Confianza, proximidade, especialización e novas narrativas serán algúns dos conceptos que se abordarán neste encontro, que pretende achegar respostas sobre o camiño que debe seguir o xornalismo nestes tempos de desinformación e incerteza.
Estas xornadas enmárcanse no labor que AMEGA desenvolve para fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego, creando espazos de intercambio e discusión entre profesionais dos medios, voces expertas e o estudantado. O ciclo ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Xunta de Galicia, así como coa colaboración da Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as tres universidades galegas.
