Xeral

A Asociación de Medios en Galego leva á Universidade de Santiago a perspectiva feminista nos medios de comunicación galegos


A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu o segundo encontro do ciclo «Os medios do futuro comezan nas aulas», organizado pola Asociación de Medios en Galego.

O segundo encontro organizado pola Asociación de Medios en Galego nas universidades galegas centrouse en como informar sen nesgos de xénero e na presenza das mulleres nas redaccións e nos postos de responsabilidade dos medios de comunicación. Na charla, titulada «Begoña Caamaño. As mulleres nos medios galegos», participaron as xornalistas Ana Romaní, Lucía Junquera e Laura Moure, nunha sesión moderada por Rebeca Munín, directora da revista Pincha.

O vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Vizoso, foi o encargado de inaugurar o acto. Como el mesmo sinalou, «aínda que nas nosas aulas a presenza das mulleres é moito máis alta ca a dos homes, esa presenza non sempre se traslada aos medios, especialmente ás esferas máis altas». Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, fixo fincapé no legado de Caamaño no xornalismo en galego e reivindicou o valor da información en lingua galega: «O xornalismo en galego ten un valor de identidade».

A primeira relatora da xornada foi Ana Romaní, xornalista e membro numeraria da Real Academia Galega, quen fixo un percorrido pola traxectoria xornalística de Caamaño, con quen coincidiu durante a súa etapa na Radio Galega. «A Begoña apaixonáballe estar nas rúas, coas persoas. Tiña unha mirada transformadora e defendía que a sociedade tiña que tomar o control dos medios de comunicación públicos», lembrou. Pola súa banda, a xornalista Lucía Junquera explicou o proceso de elaboración do pódcast Poñer a voz, impulsado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para homenaxear a Caamaño neste 2026, ano no que se lle dedican as Letras Galegas. A serie consta de cinco capítulos nos que se percorren a traxectoria vital e profesional da homenaxeada e se afonda no seu pensamento. A última intervención correu a cargo de Laura Moure, directora do medio dixital Ecos da Comarca, que naceu durante a pandemia da COVID-19. Como explicou a propia xornalista, «naquel momento a información local era máis necesaria ca nunca». Este medio, radicado na zona central de Galicia, dá cobertura a dezasete concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terras de Melide e A Ulloa, un territorio que, segundo Moure, estaba desatendido desde o punto de vista informativo. «No rural pasan moitísimas cousas. En Ecos da Comarca damos voz a realidades ás que os grandes medios non chegan e prestamos especial atención ás historias das mulleres do territorio, que son moi diversas e fan cousas moi diferentes», sinalou.

O luns 19 celébrase a última sesión en Pontevedra

O ciclo «Os medios do futuro comezan nas aulas» rematará o vindeiro luns 19 na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. Baixo o título «Os medios en galego ante os novos retos da comunicación», o encontro procurará ofrecer respostas sobre o rumbo que debe seguir o xornalismo nun contexto marcado pola desinformación e a incerteza. Participarán nesta última sesión o profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva; a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira; a xornalista de GCiencia Laura Filloy; e Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega.

Estas xornadas enmárcanse no labor que AMEGA desenvolve para fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego, promovendo espazos de intercambio e reflexión entre profesionais, persoas expertas e estudantado. O ciclo «Os medios do futuro comezan nas aulas» conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *