Día dos Medios en Galego

Día dos Medios en galego: AMEGA move a lingua cara a mocidade

Representantes dos medios en galego, das administracións, e os artistas invitados

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra a saída da
primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua. Aló por 1876, Valentín
Lamas Carvajal editaba en Ourense ‘O Tío Marcos d’A Portela’.

Para celebralo, como previa do minifestival de música galega contemporánea deste xoves 9 ás
20:30h na Sala Capitol con Ortiga e Grande Amore, este propio martes 7, celebrouse unha rolda
de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística,
coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo
García (de Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción
Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore.


Arrincou a rolda Pablo García, agradecendo a colaboración dende o primeiro da SXPL, así como
do Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña. “Nos últimos anos consolidamos en Galicia
unha rede estable de medios de comunicación que constitúen un soporte para unha información
veraz, plural e participativa en galego. Os medios en galego contribuímos á existencia dunha oferta
informativa real na nosa contorna e da nosa contorna, cunha ollada galega. Do mesmo xeito
conseguimos que o resto do mundo se entere do que acontece en Galicia, novas, avances
tecnolóxicos, descubrimentos científicos, gastronomía, turismo, industria… Sen caer na
autocomplacencia é momento de sacar peito e de estar moi orgullosos do camiño percorrido, hoxe
celebramos a sexta edición dos medios en galego, máis unidos e mais fortes ca nunca, dentro dos
máis de 130 medios que conforman AMEGA temos todo tipo de medios, TV, RADIO, Prensa
Escrita, Dixitais… que cubren todas as necesidades de información e lecer. Medios xeralistas e
especializados, que non só é que utilicen como lingua vehicular o galego, senón que difunden e
posibilitan o xeito de vivir en galego”.

García fixo fincapé na importancia de conectar ca mocidade, e de que “os medios de comunicación
son un vehículo de sustento das linguas e da identidade dun pobo, e como tal servimos para que os
galegos e as galegas e todos os neofalantes que se acheguen á nosa fermosa lingua poidan ser
informados, educados e entretidos en galego”. Por iso, “o futuro xa está aquí, e ante os novos
desafíos temos ante nós un prometedor camiño. O talento está na casa, uns medios veraces e de
calidade que tenden pontes en lugar de levantar murallas e que este ano convídanvos a Escoitar en
galego, ler en galego, ver en galego e gozar en galego”.

García apuntou ademais que o concerto que será retransmitido polas emisoras municipais galegas e
que irá precedido dun programa especial, de radio, en directo dende a mesma sala.

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón, tomou a palabra poñendo o foco en que “o futuro xa
está aquí, con Grande Amore e Ortiga”, como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo
patente esa conexión coa xente máis moza.
“É tan importante reivindicar este día para visibilizar esa eiva de que a meirande parte da oferta
informativa está en castelán e que os datos do uso do galego son moi comprometidos, onde a perda
de galegofalantes se acentúa sobre todo nas novas xeracións. Semella que o 50% da docencia en
galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fora desta porcentaxe”.

Lembrou que “o Concello de Santiago foi pioneiro nos anos 80 na normalización lingüística, e
seguímolo facendo, a través dos espazos máis tradicionais e dende o eido empresarial e
económico”. “Estamos no mesmo barco que os medios en galego, un barco ao que aínda lle
seguen faltando apoios para enderezar o seu rumbo, para que a lingua galega se consolide nos
medios, que sería fundamental para a supervivencia do meirande patrimonio que temos en Galicia,
que é a nosa lingua”.
“Eu vou mover tamén a lingua para que os medios en galega teñan o seu espazo”, prometeu.

Valentín García dou a benvida ao Pazo de San Roque, ao “Pazo da Lingua, que se pon de gala para
recibir aos medios en galego, fundamentais no proceso de normalización”. Lembrou a data que
lembra o día de hoxe, e reflexionou sobre se “Valentín Lamas Carbajal soñou cun Tio Marcos da
Portela en galego, e malia que a realidade é que tivemos que agardar moitos anos para que o galego
estea nos medios, agora temos que celebralo”. Destacou a cifra de 130 medios na nosa lingua, “un
dato para estar orgullosos, pero non para baixar a intensidade. Nunca houbo tantos medios como
agora na nosa lingua, pero todas as administracións temos que seguir fomentando a creación de
información nos medios Máis próximos á mocidade, como redes sociais, dixitais, radios, tv…
Porque recibir información na nosa lingua é como recibir unha información máis nosa”.
Destacouo o proceso de mellora dos eventos polo Día dso Medios en Galego, dende aquel 2018
Barallobre ata este minifestival na Sala Capitol. “Vale máis o que diga Grande Amore ou Ortiga nun
escenario que o que diga o Secretario Xeral de Política Lingüística en calquera foro. Eles
representan ese sector onde nos costa máis chegar”.

Os artistas falaron

Grande Amore e Ortiga polo Dia dos Medios en galego
Grande Amore
comezou ligando a historia da nosa lingua. “Se vise Valentín Lamas Carbajal o que
vai pasar o xoves…” “Igual botaba unha peza”, respondíalle Pablo García. O artista de Valadouro
fixo un paralelismo entre a situación dos medios en galego e o mundo da música. “Nunca houbo a
sensación de dicir cantos proxectos musicais hai en galego”. A pesar dos datos, considera que é
“momento de ser optimista, porque creo que hai efervescencia creativa na nosa lingua”. Ademais,
cun sorriso, sinalou que “para min, galegofalante da variante da Mariña, que digo orgulloso faigo,
estou aquí encantado, porque ademais nunca tiven o debate de que en lingua fago música, é algo
evidente”.

Ortiga deixou claro que non ten un discurso politizado, pero que cre “super imporante reivindicar a
lingua, pero non facelo con descendencia, e non na eterna chorada do “non nos axudan”. Como a
ninguén. Temos que asumir que a cousa está complicada pero hai que remar”. En calquera caso,
defende que “creo que aportamos, na medida do que podemos, a normalizar a cousa”, orgulloso de
que a AMEGA o contactase para participar nisto.

Ambos reflexionaron sobre o bo momento da música galega contemporánea. “É verdade que temos
un foco enriba, de que “mola” cantar en galego. Pero tamén vemos que aínda existe iso de “Guau…
y lo haces en gallego”. Non sei se iso chagará a cambiar nunca”, comentou Ortiga. “Eu, se un tema
me saen en galego, en galego, se me sae en castellano, en castellano. A sociedade ten que
evolucionar. Creo que iso é normalizar. Aínda me preguntan “Por que en galego?” Pero que
pregunta é esa?!”, preguntouse, orgulloso.

Grande Amore recoñeceu que cantar en galego “xenera un prestixio, pero non sei sei se chegará a
normalizar. Certo que coñezo xente nova que non son galegofalantes e que xa escolle o galego
como vehículo”.

O FESTIVAL

O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30h, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política
Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos na Sala Capitol un minifestival de música galega
contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga.
As entradas, que saíron este luns, agotáronse en apenas 2 horas, polo que está colgado o cartel de #Nonhaientradas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *