Xeral

Estudantado e profesionais do xornalismo debaten na Universidade da Coruña sobre o papel que deben xogar os medios de comunicación en galego


A Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC acolleu o primeiro encontro do ciclo «Os medios do futuro comezan nas aulas», organizado pola Asociación de Medios en Galego.

Profesionais dos medios de comunicación e xornalistas achegaron ao estudantado de Comunicación da Universidade da Coruña os principais retos que afronta o xornalismo galego na actualidade. Nun panorama de incerteza, marcado pola aparición de novos formatos e pola irrupción da intelixencia artificial, as persoas relatoras avogaron por empregar estas ferramentas ao noso favor, pero sen renunciar a facer bo xornalismo. A combinación de innovación tecnolóxica e rigor profesional será clave para garantir o futuro dos medios galegos de proximidade.

A vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, Mercedes López Garrido, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, foron os encargados de inaugurar este encontro, titulado «150 anos do Tío Marcos da Portela». Na súa intervención, García fixo referencia á capacidade de Valentín Lamas Carvajal, director de O Tío Marcos da Portela, para conectar coa sociedade da súa época falándolle na súa lingua e abordando os seus problemas. Así mesmo, animou o estudantado a atopar o seu espazo para os medios galegos nesta sociedade cambiante. «O futuro está nas vosas mans», concluíu o representante da Xunta de Galicia.

O primeiro relator da sesión foi o catedrático da USC Xosé López García, que fixo un percorrido polo panorama actual dos medios de comunicación. Na súa intervención, convidou as persoas asistentes a non ficaren paradas, a apostar pola innovación tecnolóxica, mantendo os estándares éticos e profesionais, e a reforzar os lazos coa comunidade. A continuación, coñecemos a experiencia persoal de dous xornalistas que optaron por poñer en marcha os seus propios medios. Xurxo Salgado, director de Galicia Confidencial, explicou como, nun momento incipiente do xornalismo dixital, conseguiu conectar co público a través dun blog especializado en información política. Ao ofrecer unha visión que os medios tradicionais non cubrían, Salgado logrou crear unha comunidade ata converter o seu blog nun dos primeiros medios de comunicación dixitais en galego. Pola súa banda, Silvia Carregal puxo en marcha en 2020 As Nosas, o único medio de comunicación galego especializado en deporte feminino. A xornalista explicou como a información de nicho pode constituír un dos grandes valores diferenciais dos medios en galego.

As xornadas continúan mañá, xoves 15, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, co encontro «Begoña Caamaño e as mulleres nos medios en galego», no que se trazará un percorrido pola memoria das pioneiras do xornalismo galego e polo legado de Begoña Caamaño. Participarán Ana Romaní Blanco, da Real Academia Galega; Lucía Junquera Pazos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Laura Moure Miguélez, de Ecos da Comarca. O encontro afondará en cuestións como a igualdade nas redaccións, o liderado feminino, os nesgos de xénero e a representación das mulleres nos medios, co obxectivo de convidar as persoas asistentes a reflexionar sobre como construír un xornalismo máis igualitario.

A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra, acollerá o luns 19 a última sesión do ciclo, dedicada a «Os medios en galego ante os novos retos da comunicación». O encontro procurará ofrecer respostas sobre o rumbo que debe seguir o xornalismo nun contexto marcado pola desinformación e a incerteza.

Estas xornadas enmárcanse no labor que AMEGA desenvolve para fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego, promovendo espazos de intercambio e reflexión entre profesionais, persoas expertas e estudantado. O ciclo «Os medios do futuro comezan nas aulas» conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *