Xeral

Máis de 300 estudantes analizan o futuro dos medios en galego nas universidades galegas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo acolleu o último dos tres
encontros do ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’, organizado pola
Asociación de Medios en Galego.

Entre o 14 e o 19 de outubro, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou nas tres universidades galegas unha serie de encontros entre o estudantado e profesionais dos medios de comunicación galegos, nos que se abordaron cuestións como a alfabetización mediática, as redes sociais, a intelixencia artificial, os novos modelos de negocio, os nesgos de xénero e a desinformación. Máis de trescentos estudantes participaron nestas xornadas, organizadas pola AMEGA co obxectivo de fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego e promover espazos de intercambio e reflexión entre profesionais, persoas expertas e estudantado.

O último destes encontros celebrouse esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. A xornada, titulada ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’, foi inaugurada pola decana da facultade, Emma Torres Romay, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, que resaltaron a importancia de que o estudantado de Comunicación vexa na lingua galega unha oportunidade para o seu futuro profesional.

A primeira intervención correu a cargo do profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, que apelou á necesidade de que os medios de comunicación sexan transparentes á hora de explicar de onde procede o seu financiamento, co fin de fortalecer a relación de confianza co seu público. A continuación, interveu a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira, que analizou os medios de proximidade que existen actualmente en Galicia e presentou algúns exemplos de medios especializados en nichos específicos. Negreira defendeu o labor do xornalismo local, que permite dar voz a problemáticas e iniciativas que, doutro xeito, quedarían desatendidas. Desde a súa experiencia en GCiencia, a xornalista Laura Filloy explicou como conseguen achegar temas complexos a un público amplo que, de entrada, non ten interese polos contidos científicos. «Adaptar os nosos contidos á linguaxe e ao formato das redes sociais é de vital importancia para chegar a un público amplo», sinalou. A última intervención correu a cargo do xornalista e director do portal culturagalega.gal, do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago, quen destacou as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para desenvolver solucións tecnolóxicas que ata agora eran inaccesibles para as pequenas empresas de comunicación en Galicia.

Ao longo destas tres xornadas, ademais de buscar respostas sobre o camiño que debe seguir o xornalismo nun contexto marcado pola desinformación e a incerteza, abordáronse os 150 anos do xornalismo en galego, desde a aparición en 1876 de O Tío Marcos da Portela, así como o papel dos medios na normalización lingüística e na sociedade galega. Tamén se reflexionou sobre a figura de Begoña Caamaño e o papel das mulleres nos medios en galego, tanto sobre as dificultades que atopan as xornalistas como sobre a importancia de informar evitando os nesgos de xénero e incorporando unha perspectiva feminista.

O ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *