
AMEGA achega o valor pedagóxico dos medios en galego ao profesorado de infantil e primaria na USC
A Asociación participou na microcredencial “Mestres e Mestras polo galego” impulsada pola USC coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, para abordar as posibilidades dos medios de comunicación como recurso educativo nestas etapas.
Os medios en galego poden ser unha ferramenta para aprender, espertar a curiosidade e achegar a lingua á vida cotiá das aulas. Con este enfoque, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) participou o pasado xoves na microcredencial “Mestres e Mestras polo galego”, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, convidada pola profesora María López Sández.
A sesión, titulada “Os medios en galego como recurso educativo. Pasado, presente e futuro”, contou coa participación de Miguel Rodríguez, de Mazarelos, Rebeca Munín, da revista Pincha, e Pablo García, de AMEGA. A intervención centrouse no potencial pedagóxico dos medios en galego e nas posibilidades que ofrecen para o traballo dos mestres e mestras de educación infantil e primaria.

Aprender coa realidade máis próxima
Adaptados á idade e aos intereses do alumnado, os contidos dos medios permiten conectar a aprendizaxe co que acontece fóra da escola. Unha fotografía, unha noticia sobre a contorna ou unha entrevista poden converterse no punto de partida para conversar, formular preguntas, descubrir vocabulario ou coñecer mellor a comunidade.
En educación infantil, as imaxes, os sons e os relatos próximos ofrecen oportunidades para estimular a expresión oral, a escoita e a curiosidade. En educación primaria, as posibilidades amplíanse á lectura e á elaboración de noticias, á preparación de entrevistas ou á creación dun pequeno xornal ou programa de radio escolar.
Estas propostas permiten traballar competencias lingüísticas e comunicativas, fomentar a creatividade e a cooperación e iniciar o alumnado nunha lectura crítica da información.

O galego como lingua para descubrir e contar
Empregar medios en galego nas aulas tamén permite ofrecer referentes reais de uso da lingua. O alumnado pode recoñecela como unha ferramenta para descubrir o mundo, compartir coñecementos e contar as súas propias experiencias.
Para AMEGA, reforzar o vínculo entre os medios e o profesorado é unha forma de contribuír a unha aprendizaxe conectada coa contorna e de favorecer a presenza do galego desde as primeiras etapas educativas.
A Asociación agradece a María López Sández e á Facultade de Ciencias da Educación da USC o convite para compartir este enfoque cos mestres e mestras e seguir explorando as posibilidades educativas dos medios en galego.

